sábado, 30 de marzo de 2019

OBRADOIRO DE POMPAS DE XABÓN FLUÍDOS NON NEWTONIANOS

Este venres viñéronnos visitar Clara Pardiño, bióloga, e Marta Balseiro, que colaborou con ela na posta en práctica dun singular obradoiro.  Clara propúxonos dous divertidos e interesantes experimentos.

Nun deles observamos o comportamento de pompas de xabón en cuxa elaboración se engadiu glicerina. Este compoñente aportáballes moita máis resistencia e permitíanos facer composicións dunhas pompas dentro doutras, carreiras de pompas e incluso collelas na palma da man.



CARREIRA DE POMPAS


No segundo experimento quedamos abraiados coas propiedades dos fluídos non newtonianos. Neste caso unha sinxela mestura de auga e maicena.
Comprobamos coas nosas propias mans que se golpeabamos con forza a mestura esta reaccionaba coma un sólido, mentres que si introduciamos as mans lentamente o facía coma un líquido con certa viscosidade.


COMPORTAMENTO DA MESTURA COMA UN SÓLIDO

COMPORTAMENTO DA MESTURA COMA UN LÍQUIDO





sábado, 23 de marzo de 2019

"Día da Árbore e a Auga"

Este venres 22 conmemoramos o "Día da Árbore e a Auga".
Para informarnos sobre o tema, todo o alumnado fixo previamente a lectura dun libro facilitado pola Deputación de Lugo e adaptado aos distintos niveis. O de  Educación Infantil e primeiro de Primaria titúlase "A camiñada de Pin e Gas" e o do resto de cursos "O poder da auga".
Tamén nos enviaron un bidueiro que plantamos e ao que bautizamos como "Bidueiro Xogueteiro".

venres, 22 de marzo de 2019

Visita á quexería Don Crisanto e ao invernadoiro de María del Mar Trastoy.

Esta mañá saímos visitar dúas empresas da nosa contorna máis próxima.
Primeiro fomos á queixería Don Crisanto, onde nos explicaron o proceso de elaboración de diversos queixos, entre eles o máis coñecido, San Simón da Costa Denominación de Orixe Protexida. Tamén nos invitaron a degustar esta e outras especialidades das que producen na súa factoría.



 

Ao rematar esta visita fixemos unha pequena ruta camiñando ata o invernadoiro de María del Mar Trastoy. Aquí descubríronnos como, en troncos de carballo, producen unha seta chamada "shiitake". Ademais combinan esta produción coa de amorodos ecolóxicos.


 






xoves, 21 de marzo de 2019

Unha mañá na ópera


Esta mañá, dentro das nosas actividades complementarias, desprazámonos ao Auditorio Municipal de Vilalba para asistir ao "making off" da ópera "Cavalleria Rusticana".
O alumnado recibiu variadas explicacións sobre a ópera en xeral, esta obra en concreto e as persoas e personaxes que nela participan. Tamén puideron interactuar cos artistas participando como figurantes na representación dunha pequena escea.




venres, 15 de marzo de 2019

Obradoiro sobre "Estereotipos e Roles de Xénero".

O alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria participou o xoves 14 nun obradoiro sobre estereotipos sexistas. Impartiuna Ramón, un monitor de "Andamiaxe Innova", a proposta do Concello de Vilalba e en relación co "Día internacional da muller". Nela desenvolveuse a idea de como os estereotipos de xénero, baseados en convencións sociais sen un fundamento real, poden condicionar e coartar os pensamentos, sentimentos, decisións, etc. das persoas.



luns, 4 de marzo de 2019

ENTROIDO 2019

O pasado venres, 1 de marzo, festexamos o Entroido. Adicamos os nosos disfraces, actuacións, xogos e sobremesas ao proxecto que estamos a levar a cabo durante estes dous últimos cursos, "A volta ao mundo en 80 días". Cada grupo centrouse no país que está a traballar máis especificamente ao longo deste curso. Convidámosvos a que adiviñedes cales son.
    A foto de equipo.♥



   Algunhas instantáneas
  das nosas estelares actuacións.☺
Xogos en familia.

   
   Sobremesas moi cosmopolitas
   aportadas polas familias.
Recibimos a herdanza do Meco.
                                               O Meco foi xulgado
polas súas trasnadas. 
(Estamos seguros que para o
ano renacerá das súas cinzas)