mércores, 26 de xuño de 2019

Graduación 6º Educación Infantil e Primaria

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da festa de graduación celebrada o último día do curso 2019/20.





BOAS VACACIÓNS DE VERÁN E MOITA SORTE PARA 
TANIA, VICTORIA, INÉS, HUGO E CARLOS!!

domingo, 23 de xuño de 2019

A VOLTA AO MUNDO POLO COLE

Nesta última semana do curso demos fin ao noso proxecto bienal "A volta ao mundo". Fixémolo cunha ruta polas aulas e unha posta en común na que cada grupo foi explicando ao resto de compañeiros algunhas das moitas características que aprenderon ao longo do curso sobre os países traballados.
Comezamos o noso itinerario pola India guiados polo alumnado de educación infantil.


A continuación visitamos Xapón co alumnado de 1º e 2º, que nos puxo ao día dalgunhas das particularidades do país do sol nacente e a súa cultura.


Máis tarde dirixímonos a China. Alí, as nenas e nenos de 3º e 4º, guiáronnos polo xigante asiático contándonos un montón de cousas sobre o país máis poboado do mundo.

Por último, o alumnado de 5º e 6º trasladounos ata Estados Unidos para explicarnos algunhas das características deste país tan diverso e cheo de contrastes.


Así puxemos o punto e final a unha intensa viaxe, que dura xa dous cursos, e na que ampliamos os horizontes cotiás dun centro educativo para abrir unha fiestra ao amplo mundo que nos rodea.
Emprenderemos novas aventuras, quen sabe cara que destino.

ACOMPAÑÁDESNOS?

xoves, 13 de xuño de 2019

CHARLA SOBRE O MEL DE GALICIA

Onte, mércores 12 de xuño, recibimos no cole a visita dunha representante de "Mel de Galicia".
Deunos unha charla sobre todo o relacionado coa importancia das abellas e o proceso polo que elas, e so elas, son capaces de fabricar este saboroso alimento.
Tamén nos explicou como se traballa nas explotacións apícolas para conseguir ese mel respectando ás verdadeiras protagonistas.
Ensinounos exemplos dos principais aparellos, deixounos probar un traxe para ir traballar ás colmeas e ata nos regalou un tarriño de mel para que a probaramos.
Aquí vos deixamos unas imaxes da actividade e o enlace á súa páxina web, por si queredes profundar máis no tema: http://mieldegalicia.org/2018/


domingo, 9 de xuño de 2019

VIAXE A MADRID

Por fin chegou a viaxe de fin de curso para a que tanto traballamos!!!

O día 5 de maio o alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria emprendeu a súa viaxe cara a Madrid. Xa este primeiro traxecto resultou emocionante ao realizalo en avión dende A Coruña.
Unha vez na cidade, visitamos Parque Europa, onde se atopan múltiples réplicas de monumentos internacionais, algúns deles moi representativos dos países que estivemos a coñecer co noso proxecto "A volta ao mundo en 80 días". Vimos reproducións da Torre Eiffel, a Ponte de Londres, a Fontana de Trevi, etc.


O segundo día fomos ao Parque Warner onde o pasamos xenial en impresionantes atraccións como "La venganza del Enigma", o "Correcaminos" e moitas outras.


O terceiro día, emulando a Phileas Fogg, o protagonista do noso proxecto, seguimos viaxando en diversos medios de transporte. Para comezar, o tren de cercanías levounos ata a Porta do Sol. A partir de alí comezamos unha ruta a pé polos monumentos e lugares máis emblemáticos do centro da cidade, a Praza Maior, o Oso e o Madroño, a Fonte de Cibeles, o Concello, o Edificio Metrópolis ou o Parque do Retiro entre outros.


Para finalizar a xornada fixemos un traxecto nunha das liñas de metro, que nos levou ata o autobús no que, cansados, pero enormemente satisfeitos, emprendemos camiño de volta a Moreda.

Unha gran experiencia que recordaremos toda a vida!

sábado, 1 de xuño de 2019

EXCURSIÓN A PADRÓN.

Onte levamos a cabo unha saída co alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria.
En primeiro lugar, á nosa chegada a Padrón, visitamos a casa museo de Rosalía de Castro. Alí unha guía explicounos moitos aspectos tanto da vida da escritora e a súa familia, como do proceso polo que a casa chegou a converterse no museo que é actualmente.


Posteriormente pasamos o resto do día no parque de multiaventura Galipark. Alí puxemos en práctica as nosas habilidades motrices en circuítos de altura, rocódromo, tirolinas, tiro con arco e lasertag. Para rematar, despois de tanta actividade física, e tendo en conta o caloroso día que nos acompañou, demos un refrescante baño nas piscinas antes do noso regreso a Moreda.
Pasamos un día estupendo!!!




 




Premio no XXI Certame Literario Benjamín Paz

Estamos moi ledos de comunicar que Inés Pena Trastoy, alumna de sexto de primaria, acadou o 1º premio de narrativa no Certame Literario Benjamín Paz organizado polo CEIP Antonio Insua Bermúdez.

PARABÉNS INÉS!!! 


Convidámosvos a ler a súa fermosa historia.