venres, 26 de abril de 2019

A MAXIA DAS PALABRAS

Este xoves 25, en relación coa celebración do Día Internacional do Libro, recibimos ao mago Carlos Coira, que nos presentou o seu libro "Abrapalabra", do que tamén é coautor Antón Cortizas.
Carlos sorprendeunos cun divertido e asombroso espectáculo que nos deixou coa boca aberta e nos fixo rir a partes iguais.
Ademais de facernos partícipes ao longo de todo o espectáculo, na última parte deste animounos a formar palabras con sílabas que tiña colgadas do seu pano, a partir das cales el creou os trucos finais.
Esperamos que se nos contaxiara algo da súa maxia!






mércores, 24 de abril de 2019

ALIMENTACIÓN SAUDABLE E SAÚDE BUCODENTAL

Este martes recibimos a visita de Iris, nutricionista, e Samir, odontólogo.
Iris explicounos como levar a cabo unha alimentación saudable, especialmente para o proceso de crecemento no que se atopan as nenas e nenos. Púxonos exemplos dos grupos de alimentos máis e menos saudables e a frecuencia e proporcións nas que debemos consumir cada un deles.
Tamén nos falou dos trucos da publicidade á hora de presentarnos algúns alimentos como "naturais", "sen azucre", etc.


Pola súa parte Samir fíxonos ver a importancia do coidado da nosa dentadura dende a primeira dentición, os dentes de leite. Explicounos como estes reservan o espazo e abren camiño para a dentición definitiva.
Tamén nos deu unha clase práctica sobre a hixiene diaria da boca, a técnica de cepillado (incluída a lingua), o uso de cepillos interdentais, seda dental e colutorios.


martes, 23 de abril de 2019

LECTURAS COMPARTIDAS

Hoxe, 23 de abril, celébrase o "Día Internacional do libro" cos obxectivos de favorecer a lectura e protexer a propiedade intelectual por medio dos dereitos de autor.
Elixiuse este día en concreto, por tratarse dunha data transcendente na historia da literatura, xa que nela faleceron grandes autores como Miguel de Cervantes, William Shakespeare...
Este ano para a súa conmemoración as nenas e nenos levaron a cabo unha serie de lecturas compartidas acompañadas de pequenas dramatizacións. O alumnado de maior idade leu e representou para os máis pequenos, que prestaban gran atención ás historias narradas e á posta en escena dos seus compañeiros/as.





sábado, 13 de abril de 2019

EGG HUNT

Este venres celebramos a "EGG HUNT".
Esta actividade consiste nunha procura dun tesouro, neste caso ovos de Pascua previamente agochados pola mestra Lucía. Para atopalos cada equipo deberá ler e interpretar as pistas que recibiron, por suposto, en inglés. Este venres celebramos a "EGG HUNT".
A recompensa merece a pena!






luns, 8 de abril de 2019

CHARLA FORMATIVA SOBRE RECICLAXE

Hoxe, a proposta do Concello de Vilalba, levamos a cabo unha actividade complementaria relacionada coas tarefas de redución, reutilización e reciclaxe na escola e no noso contorno próximo.
O monitor explicounos os prexuízos dos plásticos na natureza e como reducir o seu consumo. Tamén nos axudou a esclarecer que tipo de refugallo vai en cada colector en función da súa cor e os erros máis comúns que adoitamos cometer.






PREMIADOS NOS CONCURSO DE CARTEIS DA FESTA DO QUEIXO DE SAN SIMÓN DA COSTA E DA FILLOA DE MUIMENTA

Este ano o noso alumnado conseguiu tres dos premios que se entregaron no concurso de carteis da XXV edición da "Festa do Queixo DOP San Simón da Costa". Ademais, Xurxo e Martín tamén resultaron premiados no Conxurso de Carteis da Festa da Filloa de Muimenta co primeiro e cuarto premios respectivamente.
PARABÉNS!!!

INÉS PENA TRASTOY
MARTÍN CUBA VIZOSO
 XURXO PIÑEIRO YÁÑEZ

FESTA DA FILLOA

CARTEL DE XURXO                                           CARTEL DE MARTÍN
 



domingo, 7 de abril de 2019

RENOVANDO AS INSTALACIÓNS DA BIBLIOTECA

Coma sempre, andamos a mellorar en todo posible as instalacións do noso centro.
Ademais das obras que foron e seguirán sendo levadas a cabo por profesionais, nós quixemos deixar a nosa pegada ocupándonos persoalmente de pintar e decorar as paredes da biblioteca.

Desfrutamos un montón da actividade ademais de favorecer o desenvolvemento de valores como a cooperación, competencias como o sentido de iniciativa e espírito emprendedor ou contidos como a mesturas de cores.
☺Estamos moi satisfeitos cos resultados que imos acadando!☺








venres, 5 de abril de 2019

CHARLA INFORMATIVA SOBRE A VESPA VELUTINA

O xoves, 4 de abril, recibimos no noso centro a Iván Díaz e Pepe Trastoy pertencentes á "Asociación de Apicultores Serra da Carba" e grandes expertos na vespa velutina ou asiática.


Con eles aprendemos moitas cousas sobre as mesmas, por exemplo, como diferenciala da vespa europea polas súas características físicas. Tamén nos amosaron exemplares das mesmas, o niño provisional que inicialmente constrúe a raíña e unha colmea xa valeira. Explicáronnos a súa perigosidade para o ser humano, o prexuízo que supoñen para o sector apícola e frutícola, como proceden os profesionais para a eliminación das colmeas, como fabricar trampas caseiras, etc.
Dende logo agora xa sabemos un moito máis sobre esta especie invasora.