domingo, 9 de xuño de 2019

VIAXE A MADRID

Por fin chegou a viaxe de fin de curso para a que tanto traballamos!!!

O día 5 de maio o alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria emprendeu a súa viaxe cara a Madrid. Xa este primeiro traxecto resultou emocionante ao realizalo en avión dende A Coruña.
Unha vez na cidade, visitamos Parque Europa, onde se atopan múltiples réplicas de monumentos internacionais, algúns deles moi representativos dos países que estivemos a coñecer co noso proxecto "A volta ao mundo en 80 días". Vimos reproducións da Torre Eiffel, a Ponte de Londres, a Fontana de Trevi, etc.


O segundo día fomos ao Parque Warner onde o pasamos xenial en impresionantes atraccións como "La venganza del Enigma", o "Correcaminos" e moitas outras.


O terceiro día, emulando a Phileas Fogg, o protagonista do noso proxecto, seguimos viaxando en diversos medios de transporte. Para comezar, o tren de cercanías levounos ata a Porta do Sol. A partir de alí comezamos unha ruta a pé polos monumentos e lugares máis emblemáticos do centro da cidade, a Praza Maior, o Oso e o Madroño, a Fonte de Cibeles, o Concello, o Edificio Metrópolis ou o Parque do Retiro entre outros.


Para finalizar a xornada fixemos un traxecto nunha das liñas de metro, que nos levou ata o autobús no que, cansados, pero enormemente satisfeitos, emprendemos camiño de volta a Moreda.

Unha gran experiencia que recordaremos toda a vida!

Ningún comentario:

Publicar un comentario